domingo, 17 de marzo de 2019

Preparando visitas literarias!

Ola!

No cole estamos emocionados cos autores e autoras que nos van visitar este curso grazas ao traballo incansable do noso equipo de biblioteca e a súa mascota a Caracola Tola :)

Para darlle a benvida a Antonio García Teijeiro  e Gloria Sánchez as clases de 3º e 4º de primaria imos interpretarlle estas poesías que musicou a miña mestra e amiga Susa Herrera... A practicar!!

4º EP: "O galo" de Antonio G. Teijeiro
O galo ten un bico 
a mosca non o ten
a araña tece fíos 
o verme vai no tren.

O galo quiquirica
a mosca remosquea
a araña é tecedeira 
e o verme vermenea. 

O galo e maila mosca
van xuntos camiñar,
a modo vai o galo
a mosca vai detrás.

O galo quiquirica
a mosca remosquea
a araña é tecedeira 
e o verme vermenea. 

A araña e mailo verme 
á praia van nadar,
e non pasa da area
ela non chega o mar.

O galo quiquirica
a mosca remosquea
a araña é tecedeira 
e o verme vermenea. 

O galo fala pouco
a mosca un chisco máis
a araña non di nada
o verme está a rosmar. 
AUDIO: https://drive.google.com/file/d/1rcEhIWYhUHTSpUSe397qF8m4YeZHWgVw/view?usp=sharing


3º EP: "Dez piratas" de Gloria Sánchez
Eles eran dez piratas:
os máis feos,
os máis brutos
os máis malos
os máis sucios
Cobizosos como ratas.
Laralala...

Saíron do porto un día
a bordo das Marabillas
un bergatín desgraciado
e tres buracos na quilla
cegados con calcetíns.
Laralala...

Onde van os dez piratas?
Onde os dez piratas van?
Van na busca dunha moza?
Van na busca ou non o van?
Laralala...